Noticias


A rehabilitación do Pazo de Quintáns xa permitiu asegurar a súa estrutura

A rehabilitación do Pazo de Quintáns xa permitiu asegurar a súa estrutura

07 Julio 2019

Tres semanas despois de comezar cos traballos de rehabilitación, o Pazo de Quintáns xa ten a súa estrutura asegurada. Nesa tarefa centrouse ata agora a empresa adxudicataria desta actuación, que pretende corrixir o actual estado de deterioración.

Nestes primeiros días, ademais, fíxose unha profunda limpeza, desmontouse o tellado e os chans afundidos e recolleuse o entullo acumulado polos derribos e o abandono.

Os operarios xa retiraron a galería, os restos de tellado e aseguráronse e limpáronse as paredes que forman a estrutura exterior do pazo. No interior, están a apontoarse e asegurando tamén as divisións das instalacións.

Todo isto estase facendo co máximo coidado e coa vixilancia de expertos en patrimonio para o coidado das pezas de gran valor que ten o edificio.

O pazo, que conta cunha leira de 9.000 metros cadrados nos que hai tamén varias construcións auxiliares, uns xardíns e muros perimetrais, albergará o patrimonio arqueolóxico e arquitectónico do municipio cando estea rehabilitado.

Despois da rehabilitación, a planta baixa do pazo albergará unha tenda, oficinas e o recibidor principal do museo.

Na planta superior acondicionaranse cinco salas. Unha será un miradoiro galería, haberá outras dúas salas de exposicións permanentes e unha de exposicións temporais e, por último, unha sala de proxeccións.

Outras construcións da leira, como un edificio auxiliar, acollerán unha cafetería restaurante e tamén se habilitarán salas de educación ambiental no gran hórreo.

A filosofía principal do proxecto de rehabilitación, que foi redactado por Mario Crecente e Asociados Consultores, é manter as estruturas orixinais do pazo, sen derrubar fachadas nin cubertas, evitando modificacións na estrutura orixinal do edificio.